MAMBO é a historia de dous personaxes: EL e ELA. Son dous personaxes sen nome propio, para simbolizar que calquera de nós podería ser calquera deles.
Ambos personaxes saíron de senllas relacións de parella por causa dunha traizón e xorde agora a necesidade de enfrontarse ao mundo en solitario despois da ruptura. Este será o feito detonante do conflito xa que ambos, tras saír da contorna de confort no que vivían teñen que enfrontarse en solitario a unha nova realidade.
Os dous personaxes, cada un á súa maneira tentarán refacer as súas vidas. A través das situacións ás que se enfrontan irán mostrando ao espectador o conflito do individuo fronte á sociedade contemporánea. Relacións efémeras, comunicación tecnolóxica, o egoísmo humano, a perda de valores éticos da nosa sociedade, a frustración, a soidade, etc.
A música e os bailes de salón, máis en concreto o MAMBO serán elementos fundamentais no desenvolvemento e desenlace da obra.