Naqueles días de hospital ao meu pai e a min caéusenos a máscara de pai e filla coa que ata entón nos relacionábamos. Atopámonos espidos fronte a fronte, corazón a corazón, compartindo profundas reflexións, recordos, chistes, cancións, miserias, dores e desesperacións. Nas situacións límite os seres humanos somos capaces de ter un encontro moi especial. Para iso é necesario abandonar o papel que a cada un nos toca representar acotío, é dicir, un deixa nese lugar de ser quen é, ou quen cree ser. Ocorre entón, que as fronteiras entre o que é un e outro comezan a confundirse; a liña entre o que é dar e recibir dilúese tamén. O tránsito do meu pai á morte proporcionoume o encontro máis forte que tiven ata a data cun ser humano. Paradoxalmente, o marco dunha situación dolorosa pode ser precisamente o que che brinde as cousas máis fermosas da túa vida.